Nos últimos anos vénse realizando un xeneroso esforzo no deseño e na síntese racional de especies polinucleares e polímeros de coordinación baseados en ións metálicos de transición e ligantes orgánicos. Particularmente, os complexos derivados de ácidos carboxílicos son obxecto dun interese especial, non soamente polas súas atractivas topoloxías estruturais, que dan lugar a unha familia variada de materiais cristalinos que teñen un sorprendente tamaño de poro, forma e propiedades funcionais, senón tamén polas súas aplicacións potenciais en catálise, adsorción molecular, ou como materiais ópticos, electrónicos ou magnéticos.
Os ácidos α-hidroxicarboxílicos (X) son particularmente interesantes como compostos de partida para acometer a síntese de tal tipo de materiais, dado que a presenza simultánea das funcións carboxílica e hidroxílica dá lugar a unha gran variedade de accións coordinativas (XI-XVIII) fronte a ións divalentes de metais de transición, moitas das cales conflúen cara á formación de especies 2D e/ou 3D, como resultado da posibilidade de que estes ácidos neutralicen unha ou as dúas cargas positivas do ión metálico.