Prof. Dr. Dr. h. c. Alfonso Castiñeiras
Director do Grupo de Investigación
Catedrático de Universidad "Ad Honoren"
Naceu en Santiago de Compostela (Galicia) no ano 1942, na súa Universidade cursou os estudos de Ciencias Químicas, e licenciouse no ano 1969. Na mesma Universidade, doutorouse cunha tese de doutoramento sobre aductos de tetrahaluros de estaño con ditiooxamidas, que realizou baixo a dirección dos profesores José R. Masaguer Fernández e José S. Casas Fernández nos anos 1970-74, e era durante ese tempo profesor axudante do Departamento de Química Inorgánica da Facultade de Ciencias.
Durante os anos 1974 e 1975 continuou o seu labor investigador e docente como profesor Agregado interino na referida Facultade. No ano 1976 trasladouse á Universidade Autónoma de Madrid para impartir docencia en Química Inorgánica como profesor Agregado contratado, ao tempo que se inicia na análise estrutural por difracción de raios X de monocristal no Instituto de Química Física “Rocasolano” do CSIC, baixo a supervisión dos profesores de investigación Severino García Blanco e Sagrario Martínez Carrera.
No ano 1982 incorpórase ao Departamento de Química Inorgánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela como Profesor Adxunto Numerario. Dende o ano 1982 realizou numerosas estadías no Instituto de Química Inorgánica da Universidade de Tubinga (Alemaña), onde completou a súa formación no campo da análise estrutural por difracción de raios X cos profesores Joachim Strähle e Wolfgang Hiller, e onde gozou de varias bolsas de estudos para tal fin. Dende o ano 1991 é catedrático de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela.
Baixo o seu auspicio, no ano 1986 creouse na Universidade de Santiago de Compostela o Servizo de Difracción de Raios X, e foi o seu primeiro director ata o ano 1999. Foi así mesmo secretario do Departamento de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela dende a súa creación no ano 1986 deica 1989, e o seu director dende 1990 ata 1993. Foi tamén director da Área de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela durante o ano 1987. É membro da Real Sociedade Española de Química dende 1977 e pertence aos seus grupos especializados de Cristalografía e de Química Inorgánica. Deste último, foi vogal da súa Xunta de Goberno de 1987 a 1991. Igualmente é membro da Sociedade Portuguesa de Química dende 1982, American Chemical Society dende 1984, Gesellschaft Deutscher Chemiker dende 1988, British Crystallographic Association dende 1988, Association Française de Cristallographie dende 1990 e da American Association for the Advancement of Science dende 1994. Organizou diversas reunións científicas tanto nacionais coma internacionais, entre as que destacan a XXI Reunión Bienal da RSEQ (1986), o Wissenschaftliches Kolloquium von Arbeitsgruppen für Anorganische Chemie der Universitäten Santiago de Compostela, Karlsruhe, Marburg und Tübingen (1992), o Latin-American Inorganic Chemistry Meeting (1993) e o XIIIth Spanish-Italian Congress on Thermodynamics of Metal Complexes (2002). Ademais, é membro da Editorial Board da revista Polyhedron e da Wissenschaftlicher Beirat da revista Zeitschrift für anorganische und allgemeine Chemie.